A terceira edición de O Gran Camiño propúxonos outra viaxe pola historia, a paisaxe e o patrimonio da nosa terra. Arrincamos o noso camiño buscando a luz do faro romano máis antigo do mundo. Pelexamos contra o crono do mesmo xeito que loitaba Hércules contra o xigante Xerión. A etapa inaugural penetrounos na cidade da Coruña, finalizando ao pé da Torre de Hércules, onde conta a lenda que Hércules enterrou a cabeza do xigante Xerión tras batelo en combate.
Saltamos a Lugo para bordear os espectaculares viñedos da Ribeira Sacra, onde a viticultura converteuse nun acto heroico desafiando as empinadas ladeiras da montaña lucense.
Gozamos da provincia de Ourense, onde a historia cobra vida en Ribadavia. O seu castelo medieval forma parte dun magnífico decorado real que nos fixo viaxar á máis escura época onde se cruzaban as espadas dos cabaleiros.
E como non, o guión desta carreira está escrito nun lugar co decorado natural máis marabilloso. A provincia de Pontevedra puxo o broche á proba e coroou de novo a Jonas Vingegaard como rei de O Gran Camiño no alto do maxestoso Parque Natural de Monte Aloia.
Sentimos orgullo de ser de onde somos. Unha proposta que nace en Galicia, cunha banda sonora tallada artesanalmente, con localizacións propias da mellor superprodución e un elenco de actores, os ciclistas, que son o mellor do panorama mundial. Outra edición inesquecible de O Gran Camiño!