A terceira etapa de O Gran Camiño 2026 transitará pola provincia da Coruña e unirá dúas localidades de profundo peso ciclista, con saída en Carballo e meta en Padrón.
Así o avanzou este venres o director da proba e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, nun acto que serviu para ratificar, un ano máis, a inestimable aposta da Deputación da Coruña pola gran rolda galega e que tivo lugar nun lugar emblemático da localidade padronesa como é a Casa Museo Rosalía de Castro.
Será o 16 de abril cando o pelotón internacional de O Gran Camiño, con primeiros espadas deste deporte, rode polas estradas coruñesas. Unha cita esperada por afeccionados galegos e de fóra das nosas fronteiras que, nesta ocasión, transitará entre Carballo e Padrón, algo que o responsable da proba cualificou de “un orgullo”.
Ezequiel Mosquera destacou durante o acto que o ciclismo ten un peso social moi relevante en ambas as localidades. Máis en detalle, lembrou que Carballo ten “moita tradición” ciclista e que este deporte conta alí con “un gran peso social e moito arraigamento” a través dos seus clubs.
“E Padrón respira ciclismo polos catro costados”, resumiu o CEO de EME Sports, destacando que esta localidade coruñesa dispón de “un club referente e patrocinadores referentes” neste deporte. De feito, recoñeceu que esta era unha débeda pendente: “Xa tardaba o feito de vir a Padrón”, engadiu.
Ademais, e sen entrar a desvelar os detalles e sorpresas que garda este ano o percorrido, que se desgranarán proximamente, Ezequiel Mosquera volveu reivindicar que O Gran Camiño constitúe, ademais dunha proba plenamente consolidada e atractiva a nivel internacional, un evento que vai “máis alá do ciclismo”. “Ademais de ciclismo, é vender a nosa terra e é historia, é sobre todo historia de Galicia”, apuntou, eloxiando a súa vinculación co Camiño de Santiago.
UN RECOÑECEMENTO AOS AFECCIONADOS
No acto deste venres participaron os alcaldes de Carballo e Padrón, así como o concelleiro de Deportes do concello padronés e o deputado da área da Deputación da Coruña, Antonio Leira.
Na súa intervención, o rexedor carballés, Daniel López, destacou a “potente afección” ciclista que existe na localidade e considerou que, precisamente, esta etapa é “un recoñecemento” para todos aqueles que “cada día contribúen a facer deste un deporte de primeiro nivel” no municipio.
Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Rei, destacou a vinculación do ciclismo con esta localidade, que este ano acollerá “catro grandes probas en apenas dous meses”. “Somos un pobo que levamos o ciclismo no noso ADN”, apostilou, tras o que eloxiou “a capacidade de entendemento de todas as administracións” para poder sacar adiante unha proba da categoría de O Gran Camiño.
UN DÍA FESTIVO PARA A PROVINCIA
Antonio Leira, responsable de Deportes da Deputación da Coruña, foi o encargado de pechar o acto apuntando que hoxe é “un día festivo non só para Carballo e para Padrón”, senón para toda a provincia, que volverá amosar os seus moitos encantos en todo o mundo.
Para o deputado provincial, a participación en eventos como este “dá sentido” ao traballo dunha administración pública cara á cidadanía e esta etapa, engadiu, salda “unha débeda” con Carballo e Padrón. “Agardamos que o pelotón leve consigo ese impulso e ese compromiso que temos coas dúas localidades”, sinalou.
Finalmente, Antonio Leira eloxiou a traxectoria de O Gran Camiño e a súa capacidade para levar o territorio galego máis alá das nosas fronteiras, e reclamou que a UCI “recoñeza o lugar que merece” OGC e que xa “demostrou” con creces.



