ADAM YATES REINA EN CABEZA DE MEDA PARA LEVAR A ETAPA E O AMARELO

Adam Yates (UAE Team Emirates XRG) impúxose na etapa raíña de O Gran Camiño tras unha xornada marcada pola calor e polas estratexias dos distintos equipos, que moveron as súas pezas para facerse coa vitoria. Finalmente, o británico levou o triunfo e o maillot amarelo cun ataque a tres quilómetros de meta ao que só puido responder parcialmente Jørgen Nordhagen (Visma Lease a Bike).

Xinzo de Limia acolleu a saída da cuarta etapa de O Gran Camiño, na que Carlos Canal recibiu un baño de masas na súa localidade natal, envorcada no apoio ao seu veciño. Dende unha das capitais do Entroido galego partiu a carreira en dirección a Xunqueira de Espadanedo, na considerada etapa raíña, cun final en alto que abriu as primeiras diferenzas significativas na xeral.

No quilómetro 35, Sinuhé Fernández (Burgos Burpellet BH) e Samuel Fernández (Caja Rural Seguros RGA) protagonizaron a primeira escaramuza do día, pasando destacados —e nesa orde— polo sprint Ultreia de Celanova, con Alexis Guerin (Anicolor/Campicarn) en terceiro lugar. O intento non callou e non foi ata o quilómetro 87 cando se formou unha escapada con Martín Rey (Burgos Burpellet BH), Xabier Isasa (Euskaltel Euskadi), Andoni López de Abechuko (Anicolor–Campicarn), Noah Campos (Team Tavira–Crédito Agrícola), Lucas Lopes (Efapel Cycling) e Diogo Pinto (Credibom–LA Aluminios–Marcos Car). No sprint Ultreia de Ourense puntuou en primeiro lugar Noah Campos, con Martín Rey e Andoni López de Abechuko á súa roda. Destacou tamén o último sprint Ultreia en Allariz, onde Iván Romeo bonificou 1 segundo tras pasar por detrás de Nadav Raisberg (NSN Cycling Team) e do líder da regularidade Patryk Goszczurny (Visma Lease a Bike).

Rematada a parte rápida da etapa, chegou o primeiro paso polo alto de primeira categoría de Cabeza de Meda, con Samuel Fernández en solitario na cabeza. A un minuto perseguían Martín Rey e Lucas Lopes, mentres o pelotón, comandado por UAE Team Emirates XRG e NSN Cycling Team, rodaba por detrás. Samuel Fernández coroou en solitario, co dúo perseguidor a pouco máis dun minuto e o pelotón, liderado por Visma Lease a Bike, a dous minutos.

Camiño do alto do Rodicio, UAE Team Emirates XRG volveu marcar o ritmo no pelotón, con Julius Johansen tirando sen descanso. A batalla entre os favoritos desatouse nese porto de segunda categoría, con NSN Cycling Team lanzando a George Bennett por diante, acompañado por Anton Schiffer (Visma Lease a Bike). A tres quilómetros da cima, o dúo alcanzou a un exhausto Samuel Fernández e quedou na cabeza cunha vantaxe de 20 segundos, que lles permitiu coroar en solitario e ampliar a renda de cara ao inicio da subida final, a seis quilómetros de meta. Kevin Vermaeke (UAE Team Emirates XRG) conectou cos escapados xusto cando Adam Yates lanzaba o seu ataque decisivo. O británico atacou a tres quilómetros da meta sen resposta dos seus rivais. O líder da carreira, Alessandro Pinarello, comezaba a sufrir, mentres Jørgen Nordhagen saía en solitario na súa persecución.

Neses instantes finais —onde xa non hai equipo, nin apenas forzas— cada ciclista deu o mellor de si baixo a calor intensa de Ourense. Foron chegando un a un a Cabeza de Meda, onde Adam Yates se impuxo con autoridade, gañando a etapa e converténdose no novo líder da xeral. Nordhagen foi segundo a 46 segundos e Alessandro Pinarello chegou a 1:04.

Na clasificación xeral, Adam Yates é o novo líder, con 34 segundos de vantaxe sobre Jørgen Nordhagen e 54 segundos sobre Alessandro Pinarello. Os primeiros españois son Abel Balderstone (cuarto, a 1:29), Iván Romeo (quinto, a 2:09) e José Félix Parra (sexto, a 2:32).

A carreira decidirase mañá na última etapa entre As Neves e Monte Trega, cun final espectacular que inclúe o paso empedrado do Vía Crucis, onde se decidirá esta edición.

Adam Yates

“Foi un día duro, con moita escalada e estradas moi técnicas; en conxunto, unha xornada esixente, especialmente a última subida, moi empinada. O equipo fixo un traballo fantástico controlando a carreira todo o día. Agardaba unha subida ao 9%, pero había ramplas moito máis duras.”

“Nunca estiven en Monte Trega, pero vin pola televisión cando Jonas Vingegaard gañou alí. O empedrado final non é a miña especialidade, así que será un día duro, unha subida esixente.”

Jesús Herrada

“Monte Trega é un porto que coñezo. Yates parece o máis forte da xeral. Tentaremos adiantarnos e dar todo no final.”

“Ezequiel Mosquera está facendo un gran traballo. Xa dende o primeiro ano víase o esforzo por sacar adiante esta carreira, e cada ano vai a máis. Merece unha categoría superior á que ten.”

Scroll ao inicio