CARLOS CANAL ELEVA O CICLISMO GALEGO Á GLORIA

A fuga formouse pronto, co quinto clasificado Jakub Otruba (Caja Rural Seguros RGA), Sinuhé Fernández (Buros Bupellet BH), Danny Van de Tuuk (Euskaltel Euskadi), Joaquim Silva (Efapel Cycling) e Tomas Contte (Aviludo-Louletano-Loulé). A eles uniuse Ruben Rodrigues (Feira dos Sofás Boavista), Hugo Nunes (Credibom LA Alumios Marcos Car) e Hubert Lamothe (Meridian Racing p/b de la Uz). Os escapados chegaron a acumular ata 4 minutos de marxe nun comezo de xornada de ritmo frenético, cunha media de 50,1 km/h na primeira hora de carreira.

Polo alto de terceira categoría da Gañidoira pasou en primeiro lugar Tomas Contte, con Sinuhé Fernández e David Silva en segunda e terceira posición respectivamente. A carreira voaba rebaixando os tempos de paso máis optimistas e no pelotón impoñíase un ritmo de caza que reducía paulatinamente a renda dos escapados. A 20 km de meta xa só Jakub Otruba rodaba en solitario. Nas últimas ramplas da xornada apareceu o traballo de Movistar Team, cun Iván Romeo encargado de neutralizar calquera escapada e seleccionar o grupo cabeceiro, onde o principal prexudicado era o ata hoxe líder, Julius Johansen (UAE Team Emirates XRG). Con Nelson Oliveira e Iván Romeo á fronte do grupo, este quedaba reducido a 25 unidades, destacando a presenza dun Rafa Reis (Anicolor/Campicarn) que finalmente se faría co maillot amarelo. Burgos Burpellet BH traballaba preparando a volata na aproximación ás praias de Barreiros pero o ourensán Carlos Canal, cun sprint lanzado desde lonxe, facíase coa vitoria logo de perseguila en todas e cada unha das edicións da carreira.

Carlos Canal subiu ao podio como vencedor de etapa, con Mats Wenzel (Kern Pharma) e Eric Fagúndez (Burgos Bupellet BH) como segundo e terceiro clasificado. Na clasificación xeral Rafa Reis (Anicolor/Campicarn) é o novo líder, co luso Nelson Oliveira (Movistar Team) a tan só 1” e o noruegués Jurgen Nordhagen (Visma Lease a Bike) na terceira posición con 12” de desvantaxe. Mañá terá lugar a terceira etapa, con saída en Carballo e meta en Padrón.

Carlos Canal: Soñábao dende que empecei no ciclismo. Gañar na carreira da casa é algo que soñaba dende que empecei no ciclismo. Viña todos os anos, moitas veces quedando ás portas. Por fin chega esta vitoria. Nelson Oliveira e Iván Romeo dérono todo secando ataques e sabía que eles se deixaran a vida e, como picaba cara arriba, lancei dende moi lonxe porque cría en soster o sprint.

Rafa Reis: Estou moi contento de conseguir aquí o maillot amarelo. É unha carreira cunha historia curta pero que gañaron grandes ciclistas. Estou moi feliz por vestir de amarelo”.

Scroll ao inicio