CONQUISTA A PRIMEIRA ETAPA DE OGC’26
Segue o dominio dos ciclistas daneses na rolda galega, acumulando xa 11 triunfos.
Julius Johansen é o primeiro líder de O Gran Camiño tras marcar o mellor tempo ao pé da Torre de Hércules. O ciclista do UAE Team Emirates XRG empregou un tempo de 17’43”, aventaxando en 16” ao seu excompañeiro no Anicolor/Campicarn portugués Rafael Reis. Foi unha xornada produtiva para o ciclismo luso, xa que o podio do día o completou Nelson Oliveira, corredor do Movistar Team da mesma nacionalidade.
A etapa desenvolveuse con moita presenza de público nas rúas da Coruña. Un día sen choiva no que os principais candidatos á vitoria final non cederon tempo de forma significativa. Jorgen Nordhagen (Team Visma Lease a Bike) foi cuarto, a 28” do gañador, Adam Yates (UAE Team Emirates XRG) quinto a 41” e Alessandro Pinarello (NSN Cycling Team) oitavo a 46”. O principal prexudicado da xornada foi o corredor do Movistar Team Iván Romeo, prexudicado por un pinchazo na roda dianteira cando marcaba o mellor tempo intermedio. O líder do equipo navarro acabou a 1’30” na meta situada na Torre de Hércules.
Julius Johansen sumou a vitoria número 11 para os ciclistas daneses en Galicia, tras os triunfos en anteriores edicións de Jonas Vingegaard (6) e Magnus Cort Nielsen (4). A carreira deixou como incidencia o atropelo dunha peoa tras irrumpir na traxectoria dun dos corredores. A muller foi trasladada a un centro hospitalario. Dende a organización deséxanlle unha pronta recuperación.
A carreira adéntrase mañá na provincia de Lugo, cunha etapa que comezará en Vilalba e rematará na Mariña, nas praias de Barreiros, con 148 quilómetros e dúas cotas puntuables de terceira categoría.



