O Gran Camiño 26 chegará ata A Mariña cunha etapa “divertida” entre Vilalba e Barreiros.

A segunda etapa de O Gran Camiño 2026 estará dedicada á provincia de Lugo e percorrerá dúas comarcas inéditas na proba: A Terra Chá e A Mariña, nunha “etapa divertida” con saída en Vilalba e chegada ás praias de Barreiros.

Así o deron a coñecer este luns os organizadores da proba nun acto celebrado en Barreiros, que serviu tamén para renovar o inestimable apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo á gran rolda profesional galega.

Deste xeito, o 15 de abril, o pelotón cos primeiros espadas do ciclismo internacional volverá percorrer Lugo, con saída na capital da Terra Chá e chegada a unha zona moi demandada polo público nas catro edicións anteriores: A Mariña.

“Xa tocaba vir á Mariña”, afirmou durante a súa intervención no acto o responsable da proba e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, quen fixo fincapé nos condicionantes que supón levar unha proba destas características a puntos afastados do territorio. “O movemento de todas as infraestruturas, os equipos e o persoal supón condicionantes que unha etapa sobre o papel non ten”, subliñou.

Con todo, destacou o “gratificante” que resulta levar o deporte de primeiro nivel a todos os puntos da comunidade, xa que o ciclismo “é o deporte de todos, o que chega á porta da túa casa”.

Sobre a etapa de Lugo, Mosquera sinalou que estará “á altura do que o entorno merece” e asegurou que será unha “etapa divertida e con moito espectáculo deportivo polo medio”.

No acto deste luns participou tamén a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, que puxo en valor a vinculación do municipio co deporte e co ciclismo, así como as impresionantes paisaxes polas que rodarán os ciclistas.

Pola súa banda, a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, agradeceu a posibilidade de que unha proba deste calibre chegue a un concello de pouco máis de 3.000 habitantes, algo “impensable” noutras circunstancias e que servirá para crear referentes para o deporte de base.

UN “ESPECTÁCULO DEPORTIVO COMO NINGÚN”

O encargado de pechar o acto foi o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, quen prometeu un “espectáculo deportivo como ningún” nun marco espectacular, o de dúas comarcas polas que O Gran Camiño aínda non pasou e coas que tiña “unha débeda”.

Efrén Castro agradeceu o “gran esforzo” dos concellos polos que pasará a proba para acoller o “importante despregue loxístico” que supón e animou a afeccionados e afeccionadas a gozar tanto da saída e da meta como do percorrido, que reserva “algunha trampilla” ata a “meta idílica” das praias de Barreiros.

Para a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, sinalou, é un “orgullo” apostar por O Gran Camiño, unha proba na que a institución estivo presente desde o seu inicio e que, ademais de fomentar o deporte, permite “amosar o noso territorio ao exterior”.

Scroll ao inicio