A provincia de Pontevedra acollerá este ano a meta da quinta edición de O Gran Camiño, que finalizará o seu percorrido por Galicia cunha etapa dura entre os concellos das Neves e A Guarda.
Será o vindeiro 18 de abril cando o pelotón, cos primeiros espadas do ciclismo internacional, pedalee polas estradas pontevedresas, na que se converterá na última etapa de O Gran Camiño 26 e que promete emoción e espectáculo ata o último segundo.
Así se deu a coñecer este martes nun acto celebrado na sede viguesa da Deputación de Pontevedra, no que participaron o director da proba, Ezequiel Mosquera; os alcaldes das Neves e da Guarda; a vicepresidenta da Deputación pontevedresa, Luisa Sánchez; e o presidente provincial, Luis López, unha institución que ratificou o seu apoio á proba, imprescindible para a súa celebración.
Pontevedra, a “provincia do deporte”, como a definiu Luisa Sánchez, será así “a guinda do pastel” da quinta edición do OGC, unha “etapa dura” na que “seguramente non se remate ao sprint”, revelou o CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, quen agradeceu a implicación das distintas administracións.
Para o director de O Gran Camiño, rematar en Pontevedra ten “unha carga simbólica e histórica importante”. No que respecta ás Neves, sinalou que a súa presenza era “necesaria” pola “afección ciclista” desta localidade e “o que representa” para este deporte, mentres que A Guarda é “unha vila cunha historia tremenda, que encaixa perfectamente co guión que escribe O Gran Camiño”.
Máis en detalle, o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, puxo en valor a afección ciclista da localidade, con tres clubs en pouco máis de 3.000 habitantes, e viu a etapa como “unha homenaxe a toda esa xente que sente o ciclismo nas Neves”.
Pola súa banda, o rexedor da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, subliñou os recursos turísticos da localidade, porta de entrada a Galicia do Camiño Portugués pola costa, así como o seu “patrimonio deportivo”. “O deporte é un dos valores fundamentais que debemos estar sempre potenciando”, afirmou.
A PROVINCIA DO DEPORTE
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, foi o encargado de pechar o acto sinalando que Pontevedra é “unha potencia no ciclismo”, ademais de “a provincia do deporte”. Neste sentido, apuntou ao “elenco de deportistas de altísimo nivel”, así como á importante afección existente.
Tanto é así que a campaña turística das Rías Baixas para este ano céntrase, precisamente, no turismo deportivo. “O Gran Camiño representa á perfección todo o que facemos nesta aposta polo deporte”, destacou, lembrando a importancia de contar con eventos deportivos “de impacto global” como este.


