O Gran Camiño presenta o percorrido da súa quinta edición

Un ano máis, e xa van cinco, O Gran Camiño seguirá descubrindo a pedaladas ante o mundo novos e espectaculares recunchos de Galicia, un camiño xacobeo ciclista que poñerá o foco internacional nun territorio espectacularmente infinito e que traerá o mellor deste deporte ata esta esquina da Europa atlántica baixo a premisa de que isto “non é unha proba deportiva máis”, senón “historia de Galicia”, tal e como a define o seu director, Ezequiel Mosquera.

O Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón (A Coruña), acolleu na tarde deste venres a presentación da quinta edición de O Gran Camiño, que este ano volverá encher de expectación, deporte e territorio as catro provincias galegas, aínda que coa novidade dun cambio de datas, xa que se celebrará por primeira vez na primavera.

Será entre o 14 e o 18 de abril, con saída na Torre de Hércules e un final que promete ser espectacular no alto do Monte Trega. Unha edición que, en palabras do embaixador de OGC, o exciclista Óscar Pereiro, servirá para “consagrar unha carreira que é patrimonio de todos” e que homenaxea “a quen leva tantos anos traballando polo ciclismo” en Galicia.

A proba arrancará cunha contrarreloxo na Coruña, que repetirá o percorrido que hai dous anos se viu condicionado polo vento, para facer xustiza a un dos elementos patrimoniais máis simbólicos da comunidade.

A continuación, percorrerá a provincia de Lugo, desde o interior, en Vilalba, ata a costa da Mariña. “Era unha débeda que tiñamos e que vai quedar máis que saldada”, sinalou no acto o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, quen eloxiou a espectacularidade das paisaxes desta etapa, que rematará fronte ao mar, na praia de Coto, en Barreiros.

A terceira etapa unirá dúas localidades que “levan o ciclismo no ADN”, tal e como comentou o responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, que prometeu unha saída desde Carballo decisiva e un final en Padrón “con últimos quilómetros moi interesantes” e que “poden dar moito xogo”.

Desde aí, o pelotón desprazarase a Ourense, etapa raíña, cunha intensa xornada de montaña entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, que o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, definiu como “épica” para “amosar a fermosura das paisaxes” da provincia.

Para concluír, a meta deste ano será para Pontevedra, a “provincia do deporte”, como a definiu a responsable de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, quen recoñeceu que toda a provincia é “un estadio natural”. A quinta etapa, desde As Neves, manterá a emoción ata o último minuto no alto do Monte Trega.

Á espera de pechar a nómina de equipos e grandes corredores que estarán en Galicia, a organización xa confirmou que na comunidade estarán os dous mellores equipos do mundo: o Visma Lease a Bike e o UAE Team.

HISTORIA DE GALICIA

“Esta non é unha proba deportiva máis”, así iniciou a súa intervención ante un auditorio ateigado de xente o director de O Gran Camiño e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, quen reivindicou a narrativa histórica, cultural e etnográfica dunha proba na que se coida “ata o último detalle”.

Con iso, engadiu Mosquera, OGC busca promover o deporte, ofrecer espectáculo ciclista, pero tamén “poñer en valor o territorio e o patrimonio”, un “activo impresionante” de Galicia no mundo.

“Ir a outros países, iso é o que nos permite o Camiño”, destacou o responsable dunha proba que basea a súa narrativa na ruta xacobea. “Isto é unha historia, isto é historia de Galicia. É contar a nosa historia desde o Camiño máis antigo do mundo”, concluíu.

O GRAN ESCAPARATE INTERNACIONAL DE GALICIA

No acto de presentación participou tamén o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, que augurou que OGC seguirá sendo, un ano máis, o “gran escaparate internacional” de Galicia e servirá para “proxectar a marca Galicia Calidade ao mundo a través do ciclismo”.

Así, Calvo destacou o “impacto mediático” das retransmisións televisivas da proba en distintos países, o que supón “unha ferramenta clave para a promoción turística de Galicia”. O responsable tamén puxo en valor que con esta proba “queda acreditado como a unión entre o deporte e o turismo contribúe a xerar importantes beneficios económicos nos concellos polos que discorre, actuando como motor para a dinamización tanto económica como turística da comunidade”.

Ademais, Diego Calvo incidiu en que o seguimento das etapas permite, ademais de gozar deste deporte, “dar a coñecer en todo o mundo as paisaxes, o patrimonio e a identidade cultural de Galicia a milleiros de espectadores”. Así mesmo, O Gran Camiño “demostra cada ano que Galicia é un territorio privilexiado para a práctica deportiva e un destino idóneo para o ciclismo, ao tratarse dunha proba profesional de alto nivel consolidada no calendario europeo e coa participación de grandes equipos internacionais”.

PERCORRIDO DETALLADO

A quinta edición de O Gran Camiño arrancará o 14 de abril cunha CRI na cidade da Coruña. Serán 14,8 quilómetros de contrarreloxo chaira con saída e meta na emblemática Torre de Hércules.

Ao día seguinte será a quenda da provincia de Lugo, na que a gran rolda profesional galega explorará dous novos territorios: A Terra Chá e A Mariña.

En concreto, serán algo máis de 158 quilómetros con saída en Vilalba e meta en Barreiros, nos que o pelotón afrontará un desnivel de 2.130 metros e ascenderá dous portos de terceira categoría: A Gañidoira e Noceda, pasando polos concellos de Muras, Ourol, Viveiro, Xove, Burela, Foz e Ribadeo.

O xoves 16 de abril, a proba desprazarase á provincia da Coruña, cun percorrido de 173 quilómetros e 2.453 metros de desnivel acumulado entre Carballo e Padrón.

Os ciclistas rodarán, ademais destas dúas localidades, por Santa Comba e Outes, antes de achegarse á fachada atlántica por Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, desde onde seguirán cara a Rois para concluír en Padrón. Ao seu paso, subirán os portos de Campelo (3ª), A Muralla (2ª) e Formarís (3ª).

A etapa raíña nesta ocasión corresponderá á provincia de Ourense, cunha durísima xornada entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, que incluirá unha ascensión ao Alto do Rodicio (3ª) e dúas subidas ao Alto de Meda, de primeira categoría, onde estará tamén a meta.

Ao longo dos seus 155,5 quilómetros —con 3.103 metros de desnivel acumulado—, o pelotón pasará tamén por Allariz, Celanova, Ourense e Maceda.

O broche final da quinta edición de OGC poñerao a provincia de Pontevedra, cunha etapa de 170 quilómetros entre As Neves e A Guarda, cunha meta en alto que promete espectáculo ata o último minuto.

Neste caso, o pelotón pasará, ademais das localidades de saída e chegada, polos concellos de Arbo, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui e Tomiño, e realizará unha dobre subida ao Alto da Portela (2ª) para finalizar no Monte de Santa Trega (2ª).

O Gran Camiño evidénciase como un proxecto de país, xa que non sería posible sen a implicación da Xunta de Galicia e das catro deputacións provinciais, así como dos nosos colaboradores e patrocinadores privados, especialmente Cortizo, Zara Athleticz, Cabo de Peñas e Fe Seguros, copatrocinadores principais da proba.

Scroll ao inicio