OURENSE ACOLLERÁ A ETAPA RAÍÑA DE OGC 26, QUE UNIRÁ XINZO E XUNQUEIRA DE ESPADANEDO.

A etapa raíña de O Gran Camiño 2026 recalará na provincia de Ourense e unirá, o vindeiro 17 de abril, as localidades de Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, cun final espectacular e decisivo no Alto de Meda.

Así o deron a coñecer este mércores os organizadores da proba nun acto celebrado no impresionante mosteiro cisterciense de Xunqueira de Espadanedo, que serviu tamén para renovar o inestimable apoio da Deputación de Ourense á gran rolda profesional galega.

Será a cuarta etapa desta edición, que contará, á falta de desvelar todos os detalles, cun “percorrido moi esixente” con final en alto e que está “chamada a ser decisiva” na clasificación da proba.

“O máis gratificante de crear un evento deste nivel é poder ter a autonomía e a capacidade de vir a lugares como este”, dixo, durante o acto, o director de OGC e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, quen gabou a “infinidade de virtudes orográficas de Ourense”, así como as súas paisaxes e as súas estradas. “Só hai que traer a xente para presenciar o maior espectáculo do mundo, que é o ciclismo de estrada”, engadiu.

O responsable de O Gran Camiño agradeceu a implicación de todas as partes participantes nun proxecto que emprega unha competición deportiva “como escusa para vender territorio”, sobre todo no ámbito rural, xa que “o gran atractivo do ciclismo” é poder chegar a lugares onde “é moi difícil levar outras modalidades deportivas de alto nivel”.

A localidade de saída desta cuarta etapa será Xinzo de Limia, un concello “cunha forte tradición deportiva” no ámbito ciclista, arredor da figura clave do seu veciño Carlos Canal. Así o lembrou a súa concelleira de Deportes, Cristina Campero, quen gabou que volva saír de Xinzo a “raíña das probas” e comprometeu todo o apoio para que esta “siga sendo un referente”.

Pola súa banda, o alcalde de Xunqueira, Pablo Graña, aplaudiu que esta proba continúe “poñendo en valor o territorio” galego e que se “acorde do rural”, ao tempo que augurou que este será “un dos finais máis espectaculares” de OGC. “Escolliches moi ben”, felicitou.

UN ESCENARIO “MAGNÍFICO”

Finalmente, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reafirmou o seu apoio a O Gran Camiño, un evento que “encaixa perfectamente” na estratexia deportiva da institución provincial, que apoia o deporte como práctica saudable, como competición e, ademais, como “promoción do territorio”.

“Apoiamos a base deportiva e precisamos que se ilusione con eventos de máximo nivel como O Gran Camiño”, dixo Menor, quen destacou a repercusión internacional da proba e a súa capacidade para dar a coñecer unha provincia que é “en boa medida descoñecida ata o centro de Galicia”. Tamén aplaudiu a resposta da afección ourensá, amplamente demostrada noutras edicións.

Para Luis Menor, o desta etapa é “un escenario magnífico” co que o público “vai quedar impactado”, e confiou en que sexa a antesala ao recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Scroll ao inicio