O GRAN CAMIÑO AVANZA CARA Á PRIMAVERA: A QUINTA EDICIÓN SERÁ ENTRE O 14 E O 18 DE ABRIL

O Gran Camiño materializou finalmente a súa aspiración de deixar atrás o mes de febreiro, e a súa incerteza climática, e celebrará a súa quinta edición entre os días 14 e 18 de abril, na primavera, tal e como recolle o calendario oficial da UCI para a próxima tempada.

Desde a organización da gran rolda profesional galega, o director de OGC, Ezequiel Mosquera, mostrou a súa satisfacción pola decisión da UCI de acceder ao cambio de datas, algo que permitirá evitar o elevado risco de borrascas e baixas temperaturas que afecta o mes de febreiro e que a proba xa sufriu en edicións anteriores.

“Gozaremos máis nós da organización e o espectador da carreira”, prometeu Mosquera, para quen era necesario que a proba “avanzase na tempada” unha vez que xa se labrou un nome no ámbito ciclista e deportivo.

Inicialmente OGC fixouse en febreiro porque ser o período no que podía “sacar a cabeza un pouco” e atopar un lugar na oferta deportiva dos equipos para unha proba incipiente. Tras catro exitosas edicións nas que rodaron por Galicia as primeiros espadas do ciclismo internacional, e que permitiu mostrar a comunidade ao mundo, os equipos “xa coñecen” a calidade da proba e da organización, o que permite un avance no calendario, sinala o responsable de EME Sports.

En 2026, a organización de O Gran Camiño volverá poñer todo o empeño, traballo e ilusión en celebrar o maior espectáculo ciclista de Galicia que será, nesta ocasión, en abril.

Scroll ao inicio