
Santiago de Compostela, martes 26 de xullo
Esta mañá tivo lugar a presentación do acordo entre O Gran Camiño e BYD, que converte á marca líder mundial en motorización eléctrica no vehículo oficial da edición de 2026. A do vindeiro ano será unha edición con múltiples novidades.
O acto contou coa presenza de Antonio Leira (deputado de Deportes da Deputación da Coruña), Miguel Ángel Lastra (responsable de BYD Motor), Ildefonso de la Campa (director da Sociedade Xacobeo Galicia), María Gómez Dobarro (coordinadora de Tráfico en Galicia), Modesto Rouco (Secretaría Xeral para o Deporte), Álvaro Pino, Sofía Toro (xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte) e Blas García (alcalde de Ames).
Ezequiel Mosquera, director de O Gran Camiño, salientou a importancia deste acordo: “Pola traxectoria, a mensaxe e a identidade do evento. Queremos ser algo máis ca unha carreira convencional. Ter un acordo de emisións cero é moi importante para nós. Hoxe dámoslle comezo á edición de 2026 e facémolo sen motor de combustión. Desde a organización valoramos que somos 130 ciclistas e unhas 700 persoas na caravana que acompaña a proba, polo que a mobilidade eléctrica é clave para demostrar o noso respecto polo medio ambiente.” Sobre a edición de 2026, Mosquera anunciou que se segue a traballar para situar a carreira na terceira semana de abril e conseguir unha categoría superior dentro do ránking UCI.
Miguel Ángel Lastra, responsable de BYD Motor, lembrou os inicios de BYD como fabricante de baterías e o camiño percorrido até converterse, anos despois, no líder mundial do mercado eléctrico. Lastra expresou o desexo de BYD de patrocinar eventos sostibles, polo que o acordo con O Gran Camiño foi doado: “Con estes vehículos, os ciclistas non están rodeados de gases procedentes de vehículos de combustión; teñen cero emisións.” Animou tamén ao público a descubrir os vehículos de BYD, comercializados por Resnova Motor nos seus concesionarios de Lalín, Caldas de Reis e Santiago de Compostela: “Son punteiros en canto á tecnoloxía que incorporan e cargan ao 100% en menos de media hora.”
BYD, a marca líder mundial en vehículos eléctricos, desembarca por primeira vez no ciclismo profesional en España. Durante a rolda galega, a caravana realizará os seus desprazamentos co modelo BYD Seal U-DMI, un vehículo híbrido enchufable que está a ter unha irrupción contundente no mercado.