EMESPORTS ENTRA COMO SOCIO ESTRATÉXICO DA FEDERACIÓN PORTUGUESA

A Federación Portuguesa de Ciclismo e Emesports anunciaron esta mañá un acordo de colaboración para a organización da Volta a Portugal en 2026.
O acordo inclúe tamén a Volta ao Algarve e a Volta ao Alentejo.

Emesports, empresa organizadora de O Gran Camiño, acaba de asinar un acordo para ser socio estratéxico da Federación Portuguesa de Ciclismo (FPC). Deste xeito, a empresa galega traballará coa FPC brindando apoio para organizar a Volta a Portugal, ademais da Volta ao Algarve e da Volta ao Alentejo. A entidade lusa inicia unha nova etapa e escolle como socio estratéxico a EMESPORTS para organizar as tres principais probas ciclistas do país veciño.

A empresa galega pon a disposición da FPC a súa experiencia na organización de eventos, así como a loxística necesaria para a realización de tres probas históricas no calendario ciclista dun país onde o ciclismo ten un arraigo extraordinario.

O acordo estará vixente durante o ano 2026, con opción a ser prorrogado.
Será unha tempada de transición no ciclismo portugués tras a reestruturación experimentada despois da última edición da Volta a Portugal. A FPC manifesta a súa confianza en EMESPORTS “pola experiencia acumulada na organización deste tipo de eventos, o que lle confire un perfil axeitado ás esixencias da Federación”.

Cándido Barbosa, presidente da Federación lusa, considera que: “A empresa de Ezequiel Mosquera reúne a experiencia, credibilidade e visión internacional que ambicionamos para as nosas competicións. Queremos garantir probas máis fortes, máis profesionais e preparadas para os desafíos do futuro”.

No acto de presentación, Ezequiel Mosquera agradeceu á Federación Portuguesa que pensase en EMESPORTS para asumir un desafío desta envergadura. “A Volta a Portugal é unha carreira con arraigo e tradición e, como coñecedor da proba, creo que é unha das competicións con máis historia no mundo. É unha carreira de dimensión extraordinaria, con audiencias abraiantes e, de feito, está a piques de cumprir 100 anos”.

Para o equipo de EMESPORTS é un desafío a todos os niveis, pero é un patrimonio nacional do país, e “agora o obxectivo é internacionalizar a proba”.

O modelo de organización conxunta das tres carreiras portuguesas estrearase en 2026, aínda que poderá ampliarse se se comproba o seu éxito. A Volta a Portugal do Futuro será organizada en exclusiva pola FPC.

Scroll ao inicio