O Gran Camiño e Asisa reúnen en Santiago un grupo de expertos que animan a utilizar o deporte para “benenvellecer”.

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu este mércores unha xornada especializada en vida saudable e envellecemento activo, na que expertos na materia puxeron en valor a importancia do deporte e do exercicio físico para incrementar a calidade de vida e a autonomía co paso dos anos.

Baixo o título ‘Coidarse hoxe para vivir mellor mañá’, o evento estivo organizado no marco da celebración de O Gran Camiño 2026, en colaboración con Asisa. Ambas entidades instaron a empregar o deporte ao longo da vida para ‘Benenvellecer’.

Inaugurada polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a xornada arrancou coa ponencia ‘Beneficios dos hábitos de vida saudable no envellecemento activo e na prevención de enfermidades’, a cargo do prestixioso cardiólogo José Ramón González Juanatey.

No coloquio posterior participaron a doutora Isabel Abad e o doutor Xermán Bugallo Sanz, así como os exciclistas Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera, ademais do director xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel San Emeterio.

Este plantel de expertos en distintas materias abordou cuestións como a relevancia de previr o deterioro físico a través do autocuidado como base para a saúde futura, claves e recomendacións de exercicio físico para envellecer mellor e a influencia da actividade física na lonxevidade e na calidade de vida, en aspectos como o atraso do envellecemento cerebral ou o incremento da autonomía.

Finalmente, a xornada pechouse coa ponencia ‘Ciclismo e envellecemento saudable’, do doutor José María Rodríguez Vicente, e foi clausurada por José María Peinó, representante de Asisa en Galicia.

Scroll ao inicio